FANDOM


Onde remata o mundo, comeza a túa aventura

thumb|right|200px "As Crónicas de Gáidil" é un xogo de Rol en galego, nun contexto castrexo-fantástico centrado nun mundo chamado Gáidil, concretamente nunhas terras que miran ao mar chamadas Gael-leach.


Os "guéghel", de longas guedellas, son as xentes que viven en Gaidil, a terra da fin do mundo. Gobernados dende o Trono de Carballo polo Breogán, o seu líder hereditario que toma o nome dun heroe mítico, os guéghel son xentes libres, druídas, feiticeiros, loitadores, canteiros, alfareiros... fan o que sexa útil para o castro que lles dá acubillo. Adoran o deus Lugh e temen a súa inimiga, a escura Dana. E, dende logo, só existen na imaxinación.

Os seus pais son Pablo Fernández Otero e Ignacio Rodríguez Domínguez, dous mestres de inglés de primaria e dous grandes afeccionados ós xogos de rol que están a piques de editar o que será o primeiro destes pasatempos escrito en galego e baseado nas lendas de Galicia: As Crónicas de Gaidil.

Nos seu tempo libre, hai xa dez anos, cando eran estudantes universitarios, comezaron a acariñar unha idea que se lles ocorre a moitos ‘roleiros’: deseñar o seu propio sistema de xogo. A principal diferenza é que eles levaron o proxecto ata o final e, ademais, conseguiron que vexa a luz en forma de libro. Pero non lles foi doado, tiveron que mover o proxecto por editoriais durante moitos anos, sen obter resposta positiva. Mesmo chegaron a considerar a posibilidade de autoeditado, ata que a ourensá Difusora de Letras, Artes e Ideas, dirixida por Henrique Torreiro, o principal responsable das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, amosou interese polo seu traballo.


A normalización do rol e a normalización do galego

Para ambos os dous autores, ter conseguido que o xogo se editase como un proxecto xestionado integramente dende Galicia ten un gran significado, sobre todo cando se implicou tamén a Xunta, xa que As Crónicas de Gaidil conta co apoio da Dirección Xeral de Xuventude, departamento que xa defendeu o rol como forma de ocio ó contribuír a organizar as xornadas de Irmandiños: A revolta no castelo de Monterrei. "Iso demostra que isto non é unha cousa de tíos raros, senón unha industria cultural e un pasatempo coma outro calquera", explica Pablo Fernández.

Do mesmo xeito, agardan que Gaidil teña tamén a súa pequena contribución á hora de amosar que o galego "non é só a lingua de Castelao e Rosalía, e non vive só nos libros da escola", en palabras de Nacho Rodríguez, xa que a normalización dun idioma pasa necesariamente polo seu uso nos momentos de ocio e diversión. Por iso os autores agardan que o seu xogo sexa o primeiro xogo de rol en galego, pero non o último, que cunda o exemplo e comecen a aparecer máis xogos, de calquera tipo, que se poidan practicar en galego.

thumb|left|150pxE non hai que esquecer que a través da ficción e os pasatempos se pode tamén aprender, e aínda que o proxecto de Gaidil non ten un enfoque educativo, os autores agardan tamén que lles chegue ós nenos e lles sirva para interesarse polo pasado e pola cultura da súa terra. "A min, cando me explicaban a España dos Austrias na escola parecíame un aburrimento e nunca me interesei por ela –lembra Ignacio Rodríguez– pero logo descubrín Aquelarre: Villa y Corte, un xogo de rol ambientado nesa época e decateime de que realmente eran uns anos moi interesantes, así que acabei investigando sobre eles pola miña conta".


A dificultade dun xogo histórico ó cento por cento

"Dende que comezamos, a idea pasou por mil versións", lembra Pablo Fernández, "en principio queriamos facer aventuras baseadas nos mundos de Álvaro Cunqueiro, en plan afeccionado, pero despois, tras falar de moitas posibilidades, decidimos que sería un xogo ambientado na Galicia castrexa".

Naquela fase, o seu título era "Terra Cógnita"", pero os dous autores déronse conta de que, co escaso coñecemento actual sobre aquela época, moitas veces víanse obrigados a inventar moitas cousas. Así que decidiron pasar directamente á fantasía. "Xa postos a falsear a realidade, preferimos meter trasnos e lobisomes", chancea Ignacio Domínguez. Dese xeito, Gaidil é unha terra na que habita unha cultura humana baseada nos castrexos (ou, máis ben, en como serían os castrexos se tiveran evolucionado sen influencias romanas), pero na que tamén viven, de xeito moi corpóreo, lendas celtas, medievais e mesmo feitos contemporáneos que enriquecen unha ambientación pensada para correr aventuras.

thumb|260px

Do mesmo xeito que outros lugares de fantasía (como a Terra Media do Señor dos Aneis) beben da Idade Media Europea e das mitoloxías nórdica e saxona, pero adáptanas ós seus propios intereses, o mundo das Crónicas de Gaidil bebe da cultura Atlántica que vencellou na antigüidade os pobos do noroeste europeo, tamén chamada cultura celta. "Sen entrar a valorar se os galegos somos celtas ou non, que hai opinións para todos os gustos, nós aproveitamos o sustrato e as lendas da xente do Atlántico Norte", explica Pablo Fernández.


Unha vila importante hoxe, un castro en Gáidil

Porén, non toda a inspiración ten porque ser mitolóxica. Un exemplo é que cada unha das cidades e vilas importantes galegas ten o seu alter ego nun castro de Gaidil, con moitas semellanzas entrambos.

Así, por exemplo, os ferroláns son os ártabros, grandes navegantes, os composteláns son os libredóns, magos e feiticeiros, os coruñeses son os breogantes, e dende ou seu castro o Breogán goberna Gaidil, os lucenses son os lugóns, na súa vila fortemente amurallada, e así respectivamente. Dende logo, os xogadores poden escoller interpretar un personaxe de calquera destes lugares e mesmo, se a súa vila non aparece representada, poden introducila eles mesmos na súa versión de Gaidil.

Aínda así, todas esas culturas son "guéghel", seres humanos, pero as escollas dun xogador non se limitan a unha soa raza. Como é habitual nestes xogos, os personaxes poden ser criaturas de fantasía, tanto extraídas do folclore galego (os mencionados trasnos e mouros), como adaptadas doutras mitoloxías (os cairentos –vampiros–, os lobishomes ou os trolls) ou inventadas directamente polos autores para Gaidil (os xigantescos piornais dos Montes Arrebolados –os Ancares– ou os violentos fomoriáns, cos seus trisqueis de batalla).

Para visualizar todas estas criaturas e lugares estraños, o libro de xogo de Crónicas de Gaidil conta cos debuxos de Víctor Rivas (Vigo, 1965), historietista e ilustrador, cunha longa traxectoria que participou na revista Golfiño e que publica na actual BD Banda, cuxos lápices lle deron corpo á terra dos guéghel.

Tanto Pablo Fernández como Ignacio Rodríguez comentan que a colaboración con Rivas serviu para que o proxecto medrase, xa que "el se baseou na nosa obra para crear a súa propia" e que a interacción entre eles ampliou e mellorou moitos conceptos do xogo. "Agora, só queda que a xente colla o libro e faga a súa propia Gaidil ó situar nela as historias que queira contar", comenta Rodríguez.


Unha boa historia e uns cantos dados

Aínda que os equivocados tópicos que relacionaban os xogos de rol con lavados de cerebro e asasinatos son cada vez máis raros, o certo é que esta forma de ocio continúa a ser moi descoñecida polo público en xeral. Resumindo, unha partida de rol é unha historia contada por varias persoas. Hai personaxes protagonistas, os heroes, e hai un narrador, que é o que describe o que sucede ó seu arredor e establece os sucesos ós que eles reaccionan. Para determinar o que se pode e non se pode facer, existe un libro de regras, e para introducir o elemento de sorte preciso en todo xogo, empréganse dados, que serven para determinar se un personaxe logra ou non o que se propuxera (tanto dar un golpe como facer un cesto).

En realidade, o rol é unha versión complexa do clásico xogo infantil de “eu son Conan, ti es o mago malo e vou asaltar o teu castelo”, á que chegan de maiores aqueles ós que lles gusta soñar outras vidas, do mesmo xeito que outros pasan das partidas ó ‘burro’ cando son neno, ás de tute ou mus.


Artigo por A. Losada.

¡Interferencia de bloqueo de anuncios detectada!


Wikia es un sitio libre de uso que hace dinero de la publicidad. Contamos con una experiencia modificada para los visitantes que utilizan el bloqueo de anuncios

Wikia no es accesible si se han hecho aún más modificaciones. Si se quita el bloqueador de anuncios personalizado, la página cargará como se esperaba.

También en FANDOM

Wiki al azar